Presentación
O Premio ao mellor traballo universitario libre ten como obxectivo o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, incrementando o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Pode optar a este premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario, cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do curso académico 2024-2025 que cumpra cos criterios definidos nas bases do premio.
Prazo e requisitos de inscrición
Os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir os pasos indicados nas bases do premio antes da data límite (7 de novembro).
Orixe do premio
Este premio ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, que ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización nesta área decidiu pór o seu gran de area para reducir esa falla pondo en marcha este premio.
Desde o curso 2011-2012 este premio forma parte do Plan de Acción en materia de Software Libre da Amtega, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego dentro da estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións de dito Plan de Acción.
Bases
A Asociación GPUL, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convoca unha nova edición do Premio ao mellor traballo universitario libre que se rexerá polas seguintes bases de participación.
Obxectivos
GPUL convoca este premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na comunidade universitaria.
O obxectivo da convocatoria deste premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poida incrementar o coñecemento que estes teñan sobre este tipo de tecnoloxías, e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartillamento do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe unha área de traballo en crecemento.
Con esta iniciativa, GPUL desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario.
A Amtega e GPUL dan así continuidade desde o ano 2012 á iniciativa promovida pola empresa Igalia nas edicións anteriores desde o ano 2007 co obxectivo de darlle un novo pulo ao premio.
Participantes
Poderá participar no premio calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de enxeñaría ou enxeñaría técnica, titulacións de grao ou mestrado do Sistema Universitario Galego, que teña presentado e defendido o seu Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2024-2025, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que o proxecto fose avaliado antes da data límite.
Ademais para poder participar neste premio o traballo deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
- Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
- Que o código fonte do traballo universitario se atope dispoñible nun repositorio público para que se poida descargar e estudar.
Tamén poden participar os proxectos que, cumprindo os requisitos previos, sexan realizados utilizando hardware libre.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar no premio remata o 7 de novembro de 2025.
Os pasos necesarios para presentar o traballo ao premio son os seguintes e deberán realizarse antes da data límite de inscrición:
- Encher o formulario de inscrición.
- Entregar unha memoria (máximo 10 páxinas) explicativa dos aspectos específicos do Software Libre e actividade pública do proxecto. Pode empregarse este guión para a súa realización, e entregarse no propio formulario de inscrición ou por correo electrónico antes do peche do prazo de inscrición.
Memoria
Proposta de contidos a incluír na memoria da candidatura ao Premio ao Mellor Traballo Universitario Libre:
-
Introdución e desenvolvemento do traballo.
- Aspectos técnicos relativos ao traballo (tecnoloxías, problema a resolver, etc.)
- Resumo da memoria técnica do traballo.
-
Software libre no traballo
- Xustificación do seu uso: por que software libre?
- Uso específico de ferramentas libres, librarías, etc.
- Licenza: cal foi a licenza escollida e as motivacións, e xustificación, da súa escolla.
-
Actividade pública do traballo.
- Distribución do código (repositorios públicos e ferramentas usadas, etc.)
- Publicidade e outras ferramentas utilizadas na difusión, así como o contacto con outros usuarios e desenvolvedores (web, blogue, listas de correo, foros, etc.)
- Conclusións
Premios
O Premio ao mellor traballo universitario libre terá unha dotación económica para o traballo gañador de 750€.
O premio denomínase «Premio Especial Alejo Pacín Jul» dende o ano pasado. Este premio pretende facer memoria do noso compañeiro e amigo, falecido no ano 2023. Alejo, entre moitas cousas na súa vida, foi activista do software libre con GPUL, tradutor de software libre no Proxecto Trasno e infatigable enxeñeiro informático. A súa faceta de gaiteiro motivou o proxecto que o levou a gañar o Premio ao Mellor Proxecto Universitario Libre no ano 2018.
O premio poderá ser declarado deserto no caso de que ningún dos presentados reúna, segundo a opinión do xurado, a calidade mínima necesaria.
Xurado e criterios de avaliación
O xurado do premio estará composto por:
- Universidades galegas (3 persoas): os directores/decanos das tres escolas/facultades de informática, ou a persoa en que deleguen.
- Asociación GPUL (1 persoa): Presidente da asociación GPUL ou persoa en que delegue.
- Asociación AGASOL (1 persoa): Empresa asociada que sexa designada pola directiva.
O xurado, á hora de tomar a súa decisión, terá en conta os seguintes aspectos:
- Nivel de actividade pública do traballo: valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, repositorios públicos de código fonte ou calquera outro medio web, como por exemplo blogs persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre, a creación de comunidade, etc.
- Uso axeitado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
- Calidade do proxecto: deseño e implementación.
Hai que recordar que este premio non trata só de recompensar un proxecto tecnicamente bo, senón un bo proxecto de software libre.
Resolución do premio
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado fará unha primeira avaliación dos proxectos presentados, e poderá, en función do número de participantes, facer unha selección dos finalistas que acudirán ao acto de resolución do premio.
O acto de resolución do premio terá lugar durante o mes de novembro (nunha data que se comunicará con antelación), onde os finalistas terán que realizar unha breve presentación ante o xurado do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co Software Libre, dos logros acadados e das perspectivas de futuro.
O xurado terá a posibilidade de realizar as preguntas que estime oportunas a cada un dos finalistas logo de realizadas as súas presentacións. En base a isto o xurado deliberará e emitirá a súa resolución respecto á concesión do premio. A decisión do xurado será inapelable. O feito de presentar a candidatura ao premio supón a aceptación expresa destas bases. O lugar e hora de celebración deste acto será anunciado con anterioridade a través do correo electrónico dos participantes.
Formulario de inscrición
Para poder participar no Premio ao mellor traballo universitario libre na súa edición do ano 2025 é necesario encher o seguinte formulario. De xeito opcional pode enviarse a memoria co resumo do traballo presentado.
Ao enviar o formulario de inscrición acepta expresamente as Bases que regulan o presente premio.
