Presentación
O Premio ao mellor Traballo de Fin de Estudos Libre ten como obxectivo o fomento e o achegamento do estudantado galego ao software libre, incrementando o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abríndolles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Pode optar a este premio calquera estudante do Sistema Educativo Galego que teña defendido o seu Traballo de Fin de Grao, Traballo de Fin de Mestrado Universitario ou Proxecto Intermodular de Fin de Ciclo Formativo, cunha nota mínima de 5,0, nalgunha das convocatorias do curso académico 2025-2026 que cumpra os criterios definidos nas bases do premio.
Prazo e requisitos de inscrición
Os estudantes interesados en participar neste premio deben seguir os pasos indicados nas bases do premio antes do 4 de outubro.
Orixe do premio
Este premio ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, que ao detectar unha importante carencia de profesionais cunha alta especialización nesta área decidiu axudar a reducir esa falla pondo en marcha este premio.
Desde o curso 2011-2012 este premio forma parte do Plan de Acción en materia de Software Libre da Amtega, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego dentro da estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións do devandito Plan de Acción.
O premio denomínase «Premio Especial Alejo Pacín Jul» desde o ano 2024. Este premio pretende facer memoria do noso compañeiro e amigo, falecido no ano 2023. Alejo, entre moitas cousas na súa vida, foi activista do software libre con GPUL, tradutor de software libre no Proxecto Trasno e infatigábel enxeñeiro informático. A súa faceta de gaiteiro motivou o proxecto que o levou a gañar o Premio ao Mellor Proxecto Universitario Libre no ano 2018.
Desde o curso 2025-2026 este premio está tamén aberto a Ciclos de Formación Profesional.
Bases
A Asociación GPUL, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), convoca unha nova edición do Premio Traballo de Fin de Estudos Libre que se rexerá polas seguintes bases de participación. O feito de presentar a candidatura ao premio supón a aceptación expresa destas bases.
Obxetivos
GPUL convoca este premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na comunidade educativa.
O obxectivo da convocatoria deste premio é o fomento e o achegamento do estudantado galego universitario e de ciclos formativos ao software libre, de xeito que poidan incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e en consecuencia abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego de calidade relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que ademais das cuestións éticas e de compartillamento do coñecemento relacionadas co Software Libre, este constitúe unha área de traballo en crecemento.
Con esta iniciativa, GPUL desexa continuar premiando o labor que está a realizar o estudantado galego á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Traballo de Fin de Grao, Traballo de Fin de Mestrado Universitario ou Proxecto Intermodular de Fin de Ciclo Formativo.
A Amtega e GPUL dan así continuidade desde o ano 2012 á iniciativa promovida pola empresa Igalia nas edicións anteriores desde o ano 2007 co obxectivo de darlle un novo pulo ao premio.
Participantes
Poderá participar no premio calquera estudante matriculado nalgunha das titulacións de grao, mestrado ou ciclo formativo do Sistema Educativo Galego que teña presentado e defendido o seu Traballo de Fin de Grao, Traballo de Fin de Mestrado ou Proxecto Intermodular de Fin de Ciclo Formativo cunha nota mínima de 5,0 nalgunha das convocatorias do ano académico 2025-2026, ben sexa ordinaria ou extraordinaria, sempre que o proxecto fose avaliado antes da data límite.
Ademais, para poder participar neste premio o proxecto deberá cumprir os seguintes requisitos:
- Que sexa realizado cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
- Que o software desenvolvido durante o mesmo teña unha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.
- Que o código fonte do traballo universitario se atope dispoñíble nun repositorio público para poder ser descargado e estudado.
- En caso de utilizar un modelo de intelixencia artificial, este deberá ser libre e adestrado con datos libres, ou ofrecer a posibilidade de usar un destas características.
Tamén poden participar os proxectos que, cumprindo os requisitos previos, sexan realizados utilizando hardware libre.
Inscrición
O prazo de inscrición para participar no premio remata o 4 de outubro.
Os pasos necesarios para presentar o traballo ao premio, os cales deberán realizarse antes da data límite de inscripción, son os seguintes:
- Encher o formulario de inscrición.
- Entregar unha memoria dun máximo de 10 páxinas explicando os aspectos específicos do Software Libre e a actividade pública do proxecto. Pode empregarse este guion para a súa realización e entregarse no propio formulario de inscrición ou por correo electrónico antes do feche do prazo de inscrición.
Memoria
A memoria utilizarase para avaliar o proceso de liberación do traballo, que en esencia é o que se premia.
Proposta de contidos a incluír na memoria da candidatura ao Premio ao Mellor Traballo de Fin de Estudos Libre:
- Introdución e desenvolvemento do traballo
- Aspectos técnicos relativos ao traballo (tecnoloxías, problema a resolver, etc.)
- Resumo da memoria técnica do traballo
- Software libre no traballo
- Xustificación do seu uso
- Uso específico de ferramentas libres, librarías, etc.
- Licenza: cal foi a licenza escollida e as motivacións e xustificación da súa escolla
- Actividade pública do traballo
- Distribución do código (repositorios públicos, ferramentas usadas, etc.)
- Publicidade e outras ferramentas utilizadas na difusión, así como o contacto con outros usuarios e desenvolvedores (web, blogue, listas de correo, foros, etc.)
- Conclusións
Premios
Ofrécese un fondo de premios do cal os gañadores escollerán por orde segundo o seu posto na clasificación.
O fondo de premios consiste en:
- Notebook Slimbook (8GB ram, 500GB)
- Home Assistant Green
- 750€
O premio poderá ser declarado deserto no caso de que ningún dos presentados reúna, segundo a opinión do xurado, a calidade mínima necesaria.
Xurado e criterios de avaliación
O xurado do premio estará composto por unha persoa que teña relación co software libre de cada grupo:
- Universidades galegas
- Formación Profesional
- Asociación GPUL
Abriráse un periodo de inscripción para o xurado após o cal se elixirán os representantes por sorteo.
O xurado, á hora de tomar a súa decisión, terá en conta os seguintes aspectos:
- Nivel de actividade pública do traballo: valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa utilizando as listas de correo dun proxecto existente, repositorios públicos de código fonte ou calquera outro medio web, como por exemplo blogues persoais; a colaboración con outros proxectos de software libre ou a creación de comunidade, entre outros.
- Uso axeitado dunha licenza libre: valorarase a correcta elección dunha licenza libre e posterior aplicación da mesma ao código do proxecto.
- Calidade do proxecto dentro do nivel educativo: deseño e implementación.
Hai que lembrar que este premio non trata só de recompensar un proxecto bo tecnicamente, senón tamén un proxecto que implemente satisfactoriamente os principios e boas prácticas do software libre.
Resolución do premio
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, o xurado fará unha primeira avaliación dos proxectos presentados e seleccionará, en función do número de participantes, os finalistas que acudirán ao acto de resolución do premio.
O acto de resolución do premio terá lugar durante o mes de outubro nunha data que se comunicará con antelación, onde os finalistas terán que realizar unha breve presentación perante o xurado do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial énfase nos aspectos do seu proxecto relacionados co sotware lire, dos logros acadados e das perspectivas de futuro.
O xurado terá a posibilidade de realizar as preguntas que estime oportunas a cada un dos finalistas após realizaren as súas presentacións. En base a isto o xurado deliberará e emitirá a súa resolución con respecto á concesión do premio. A decisión do xurado será inapelábel.
O lugar e hora de celebración deste acto será anunciado con anterioridade a través do correo electrónico dos participantes.
